‘Alfombreiro’, ‘auguista’ e ‘lubre’: as novas palabras do Dicionario da Real Academia Galega

‘Alfombreiro’, ‘auguista’ e ‘lubre’ son algunhas das novas incorporacións ao Dicionario da Real Academia Galega tras o visto e prace do Seminario de Lexicografía, que acaba de incorporar a esta ferramenta en liña estas tres palabras.

Fíxoo despois de valorar as demandas da Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas, do Concello de Mondariz Balneario e do grupo musical Luar na Lubre xunto con Navia Franco Barreiro.

‘Alfombreiro’ entra no Dicionario cunha primeira acepción xeral referida a «calquera persoa que fai, arranxa ou vende alfombras» e incorpora unha segunda que designa a quen «confecciona alfombras de carácter efémero con flores ou con outros elementos naturais, especialmente para manifestacións rituais ou relixiosas».

O exemplo que a acompaña fai mención expresa á tradición de Ponteareas, onde veciños deseñan e danlle forma a máis dun quilómetro de alfombras que engalana o domingo de Corpus as rúas e prazas desta localidade do sur de Pontevedra.

Doutra banda, está ‘auguista’, que identifica á persoa que «toma as augas ou os baños medicinais nun balneario». A demanda formalizouna o Concello de Mondariz Balneario, «gran vila termal na Europa de comezos do século XX e que segue sendo hoxe en día un foco fundamental do termalismo en Galicia».

Por último, ‘lubre’: o Dicionario define esta voz como «bosque sacro onde os celtas celebraban os seus rituais relixiosos». A palabra foi recollida con anterioridade en dicionarios históricos como o do académico Leandro Carré Alvarellos (1888-1976) e o de Eladio Rodríguez (1864-1949), que chegou a ser presidente da institución.

Tamén a incorporou ao seu Dicionario galego-castelán o académico de Xosé Luís Franco Grande (1936-2020), segundo lembrou a RAG nunha nota de prensa. O Seminario de Lexicografía decidiu tamén que ‘lubre’ figure no Dicionario en liña da RAG tras valorar a demanda realizada polo líder do grupo musical Luar na Lubre, Bieito Romero, e Navia Franco Barreiro, filla de Franco Grande.

Enlace de origen : 'Alfombreiro', 'auguista' e 'lubre': as novas palabras do Dicionario da Real Academia Galega

OBTENGA UNA MUESTRA GRATUITA

La contactaremos lo más rápido posible.