O Concello do Rosal xa ten data para a súa cita máis emblemática: a XXXIII Feira do Viño celebrarase do 18 ao 20 de xullo na Praza do Calvario. Un ano máis, a festa será un escaparate privilexiado para os mellores viños desta singular subzona da Denominación de Orixe Rías Baixas, nun entorno pensado para o goce de toda a veciñanza e das persoas visitantes. A música, a cultura e os produtos locais daranse a man como grandes protagonistas nun evento que non deixa de medrar nin de consolidarse como referente en calidade e profesionalización, edición tras edición.
Falamos con Ánxela Fernández Callís, alcaldesa de O Rosal, para coñecer todos os detalles e as principais novidades dunha das festas máis agardadas do verán no Baixo Miño. Aproveitamos tamén para facer balance dun ano intenso no concello, cheo de proxectos e transformacións.
Comezamos cun clásico. Un brindis e un motivo para brindar cos viños do Rosal?
Brindemos polo orgullo de vivir, ser e compartir a vida no Rosal co mellor viño!
E se puidera escoller unha paisaxe do concello para ese brindis, cal sería?
É moi difícil escoller só unha. Algún lugar da Ribeira do Miño entre Pías e as Eiras, ou do Río Carballas, o Niño do Corvo, a Ponte do Tamuxe, As Aceñas, As Pesqueiras, a Explanada do Horizonte. Para min un destes lugares máxicos está no monte da Madalena, desde onde podemos sentir a inmensidade da desembocadura do Miño, da natureza coas sobreiras senlleiras e da fortuna da irmandade cos nosos veciños da outra beira, Portugal.

Mirador Niño do Corvo. / Marta G. Brea
Xa queda menos para un dos momentos máis agardados do ano no Rosal. Que novidades presentará o programa da Feira do Viño deste ano?
Nestes últimos anos desde o Concello consolidamos un proxecto de Feira cunha programación de calidade cada vez máis diversa e dirixida a todas as idades que marida á perfección coa calidade do noso viño da man da Asociación de Cabaqueiros do Rosal. Este ano imos poñer o acento na cultura popular do viño e ofertamos actividades específicas o sábado e o domingo para aprender as claves á hora de catar un viño e recoñecer de xeito sinxelo as súas principais características estruturais (acidez, alcohol, tanino e corpo). Contaremos con novas actividades infantís para a cativada e unha gran diversidade de estilos musicais: desde grupos de versións de pop-rock, brass bands de soul-funk-jazz, grupos de creación propia que mesturan a tradición galega, incorporando elementos da música latina, do jazz e do rock, o grupo local de Airiños do Folón, batucadas con ritmos afro-brasileiros, sesións vermú con versións de clásicos do soul e do rock e incluso grupos unidos ao blues. Todo isto sumado a unha variada oferta gastronómica.
Como novidade tamén poderemos unir o patrimonio vinícola a outras das nosas grandes xoias patrimoniais e é que celebraremos os 300 anos do noso retablo da Igrexa de Santa Mariña e coñeceremos da historia dos nosos Cabaqueiros cunha visita guiada o domingo pola mañá ao retablo e ao museo do Cabaqueiro. Outra gran novidade será o pregoeiro deste ano, Ziyang Zhang, que é asesor do sector vitivinícola da Embaixada Chinesa en España desde 2018. Contaremos por primeira vez cunha exposición de Debuxos do Rosal en tinta chinesa de Berto Franco e arquitectura en polispan, de Ramón González ó carón da tradicional Mostra a cargo do Grupo Filatélico e Numismático Val do Rosal, que este ano adica o seu selo á UD Ribera polo seu 75 aniversario.
O escape room foi todo un éxito na pasada edición. Contaremos de novo con esta proposta?
Queremos que a Feira do Viño do Rosal sexa un espazo de encontro de amizades e familiar no que todas as nais, pais, avoas e avós poidan gozar cos seus fillos, fillas e netos. O Escape Room resultou ser un exitazo o ano pasado porque persoas, amizades e familias de todas as idades se xuntaron para superar os retos deste xogo de entretemento en equipo. Así que este ano o venres pola tarde poderemos desfrutar dun novo escape room que se chama Segredos entre barricas.
A Feira do Viño é tamén unha magnífica oportunidade para descubrir O Rosal. Ademais dos viños e da festa, que outros atractivos ofrece o concello nestas datas?
Son datas marabillosas para practicar o enoturismo nalgunha das adegas, visitar os nosos Muíños do Folón e do Picón, coñecer a senda do Río Miño, facer un anaco do Camiño de Santiago pola Costa desde a Explanada do Horizonte ou descubrir os recunchos do Río Carballas. Ademais, tamén convidamos aos visitantes a que despois de recuperarse da Feira se sumen a outra das grandes Festas do Verán no Rosal co Festival Xente Xida o 24, o Concerto de The Rapants coa banda da Agrupación o 25 e o concerto do Septeto Santiaguero, con dous grammys latinos, do día 26 de xullo.

Playa de Eiras e «Sendero de Pescadores». / FdV
A nivel municipal, este foi un ano de moitas boas novas: o acordo para a reforma integral do auditorio, os pasos adiante para a primeira comunidade enerxética fóra do núcleo urbano, o novo campo de fútbol da Mata…
O Rosal non para. Como valora este curso?
Satisfacción, ganas e ilusión por moito máis, polo que está por vir. Nestes dous anos de novo mandato desde o goberno consolidamos o proxecto de avance para O Rosal e executamos novas iniciativas coas que mellorar a calidade de vida da veciñanza. Ademais do innovador proxecto das comunidades enerxéticas, a reforma integral do campo de fútbol que estamos a executar por fases e ese novo acordo para a reforma do auditorio, fixemos realidade a gran reforma da Escola de Tabagón que conforma non só a aula, senón tamén a Biblioteca e a Sede do CRA María Zambrano apostando polo presente e o futuro dun modelo de escola rural de proximidade de calidade que está a medrar no Rosal. Renovamos o 90% do alumeado público, un servizo esencial para a veciñanza, cun maior aforro e sostibilidade. Demos pasos importantes na dinamización progresiva dos barrios coa reforma da cantina de Novás, a Casa-Escola de Fornelos, a compra da parcela para a futura nova praza de Martín e a reforma da Escola das Eiras.
Por outro lado, implementamos novos servizos de proximidade coma o punto limpo móbil que percorre os barrios ou os minipuntos limpos e na estratexia planificada de mellora de camiños municipais, fixemos realidade nestes dous anos máis de 35.000 metros cadrados de superficie cun investimento que chega aos 730.000 €, actualizando en moitos casos previamente os servizos que non se ven como o abastecemento, o saneamento ou as pluviais. As últimas intervencións foron a Estrada da Pousa e a contorna de Marzán.
O itinerario peonil que une Tabagón e As Eiras é tamén todo un referente. Está O Rosal a redefinir o modelo de mobilidade no rural galego?
A gran transformación da Estrada de Tabagón ás Eiras define un novo modelo de mobilidade no rural galego seguro e sostible. Falamos dunha senda peonil que conecta máis de 4 quilómetros da zona da ribeira do Rosal e que converteu unha estrada de uso exclusivo de vehículos nun espazo seguro, accesible e de calidade para a convivencia das persoas. Este é o modelo polo que estamos a loitar e a colaborar coa Deputación para que se execute na Estrada provincial de Santa Ana e tamén para que a Xunta leve a termo na tan necesaria Estrada autonómica de Novás a Fornelos. É tamén o modelo que a Xunta debe executar para darlle continuidade a esa senda da Ribeira desde Tabagón pola PO-552 ata a Ponte do Tamuxe, en San Miguel, co que conectar con seguridade toda a ribeira do Rosal.

Anxela Fernández e Luis López entre otros, visitan a senda da carretera provincial entre Tabagón e Goián. / FdV
Outro proxecto especialmente rechamante é o novo observatorio de aves, un produto turístico vencellado á natureza. Que papel xoga o turismo sustentable na estratexia do concello? E o enoturismo como motor de desenvolvemento?
Deseñamos unha estratexia de accións para potenciar progresivamente o noso gran valor natural e paisaxístico e fomentar o turismo sostible e de calidade. O observatorio de aves é un moi bo exemplo, co que fomentaremos neste caso o turismo ornitolóxico, accesible, que pon en valor a natureza e a nosa contorna de xeito respectuoso. Para levar adiante este proxecto foi importante a colaboración da Comunidade de Montes de San Miguel e de Manu Sobrino. Esta acción súmase a todas as que desenvolvemos de xeito progresivo e que están sendo un éxito: as Andainas interpretativas que fomentan o sendeirismo de natureza co coñecemento do noso valor patrimonial, o sendeirismo adaptado coa “joelette” e once rutas para coñecer O Rosal dispoñibles na web do Concello, iniciativas como a construción de hoteis de insectos, a potenciación dos Muíños do Folón e do Picón coas rutas guiadas ou as xa consolidadas actividades de deporte de natureza como o Trail dos Muíños do Folón ou a 15k.

Ruta dos Muíños do Folón. / Concello de O Rosal
A través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) acabamos de constituír un club do produto agro onde todo o sector agrícola ten un peso importante e o enoturismo marca un valor diferencial no desenvolvemento non só do Rosal senón de todo o territorio.
Cabe pensar que todo este esforzo tradúcese tamén en cambios na demografía, no dinamismo económico, na proxección… Percíbese este movemento no concello?
Segundo datos recentes do Instituto Nacional de Estatística, fomos o segundo concello da provincia de Pontevedra que máis medrou en poboación nos últimos tres anos. O Rosal está asociado á calidade de vida e moitas persoas gustan de desenvolver aquí o seu proxecto vital. Nestes anos medramos moito no dinamismo social e o benestar na colaboración coas asociacións e coa gran diversidade de actividades e programas para todas as idades: O Rula Roupa, a cultura nos barrios, os tardeos na praza, a Feira do libro de segunda man, o concurso de relato curto, o teatro, os obradoiros de xuventude, os programas para maiores, o cultivando coidados, o Espazo Crianza, os Cafés en Igualdade ou a Mostra de cine son algúns exemplos. Neste verán imos ter 28 días de actividades entre xullo e agosto.
«Fomos o segundo concello da provincia de Pontevedra que máis medrou en poboación nos últimos tres anos»
Ademais temos máis de 200 nenos e nenas na Escola de Música da Agrupación Musical, máis de 200 na Escola de balonmán do Atlético Novás, máis de 200 na Escola de fútbol da UD Ribera, máis de 40 no club de ciclismo e outros tantos que fan atletismo de toda a comarca. Contamos cunha asociación de persoas maiores con case 200 socios chea de actividade diaria, entre moitas outras pequenas asociacións que tamén suman cultural e socialmente. Por primeira vez en moitos anos o CRA María Zambrano tivo máis solicitudes que prazas. Pasou de 148 o ano pasado a 168 para o vindeiro curso. A realidade amosa que xuntos imos no bo camiño.
Mirando cara adiante, que novos proxectos están enriba da mesa para o futuro máis próximo?
Loitar pola realidade do novo Centro de saúde na colaboración coa Consellería de Sanidade é un dos proxecto máis importantes para o presente e o futuro da veciñanza do Rosal. Desde o Concello demos un paso moi importante mercando a parcela que está en fronte do Centro de Saúde actual, que ten unha soleira de formigón de 1.600 metros cadrados de superficie, o equivalente a tres centros de saúde como o actual só en planta, sen ter en conta que sería edificable en máis plantas. Desde o Concello puxémola a disposición da Consellería de Sanidade para que poidan executar nela todas as necesidades e melloras de dotación sanitaria precisas para O Rosal e incluso para a Comarca. A saúde das persoas é para nós o máis importante. Ademais temos por diante a transformación de tres instalacións fundamentais para as centos de persoas implicadas no eido da formación deportiva e musical: culminar a transformación do Campo de fútbol da Mata, executar a reforma do auditorio municipal para garantir o futuro da formación da rapazada tamén co novo Conservatorio Profesional e executar unha reforma do pavillón municipal.

Alcaldesa visita campo A Mata O Rosal. / FdV
Para rematar, unha mensaxe para a veciñanza logo dun ano tan intenso e cheo de avances?
Grazas pola confianza sempre, xuntos e xuntas seguimos facendo do Rosal o mellor lugar para vivir.
Enlace de origen : Ánxela Fernández Callís: «Imos poñer o acento na cultura popular do viño»