
A contorna do Pazo de Mos acollerá hoxe a V edicion do Concurso de Novos Deseñadores DesfilaMos, organizado pola Asociación de Palilleiras de Mos en colaboración co Concello de Mos, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.
O evento terá lugar ás 21:00 horas nos xardíns do Pazo de Mos. Nesta singular cita que acumula edicións con éxito, un total de 12 deseñadores noveis competirán no certame con 10 coleccións.
Cada participante presentará unha colección de tres deseños, dos cales dous deles terán que levar obrigatoriamente encaixe artesán. A temática será libre, tanto en moda masculina como feminina.
Ademais, haberá premios para os tres primeiros clasificados e un premio especial do público.
Así, o premio do terceiro clasificado constará de 150 euros en metálico e a exposición completa da colección; o segundo posto recibirá 300 euros en metálico e a exposición completa da colección e o primeiro clasificado optará a 600 euros en metálico, e tamén, á exposición completa da súa colección.
Por outra banda, o premio especial do público obterá unha dotación económica de 100 euros e a exposición dun dos estilimos, a escoller polo propio deseñador.
Durante a xornada do sábado daranse a coñecer o nome dos finalistas así como o gañador do premio especial do público.
O nome dos gañadores do concurso final desvelarase ao dia seguinte, en torno ás 17:00 horas, durante a celebración no mesmo lugar da XVII Xuntanza de Palilleiras e Labores de Mos. Na xuntanza está confirmada a participación de 430 palilleiras.
Enlace de origen : «DesfilaMos», terá lugar hoxe no Pazo de Mos