
A Asociación de Persoas Xubiladas e Pensionistas de Salceda celebrou o acto de clausura do curso de ximnasia de mantemento, unha das actividades máis populares do colectivo. Este programa, no que participan arredor de 70 persoas, desenvólvese dúas veces por semana no Centro Social da Devesa, espazo onde tamén se atopan as oficinas da asociación, abertas durante todo o ano.
O peche do curso converteuse, un ano máis, nunha xornada festiva marcada pola convivencia, na que non faltaron os bailes, a entrega de diplomas e un ambiente de celebración.
Ao evento asistiron a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, e a concelleira de Benestar Social, Selene González.
A actividade está coordinada pola profesora Natalia Spinelli e representa unha oportunidade para que as persoas maiores do municipio poidan manterse en forma tanto física como mentalmente.
A práctica regular de exercicio, combinada cun espazo de encontro social, contribúe de maneira significativa ao benestar integral das persoas participantes.
A Asociación de Persoas Xubiladas e Pensionistas de Salceda é a maior do municipio, con 680 persoas asociadas. Dende a organización destacan a importancia de continuar promovendo iniciativas que favorezan unha vida activa e saudable, sendo a ximnasia de mantemento un claro exemplo do compromiso coa calidade de vida das persoas maiores.
Enlace de origen : Merecido descanso para as usuarias de ximnasia de mantemento