A música urbana internacional volverá tomar Nigrán este verán coa celebración da cuarta edición do Reggaeton Beach Festival (RBF), que terá lugar hoxe e mañá, 26 e 27 de xullo, no recinto do Porto do Molle.

Kevin Roldán. / .
O evento, considerado xa o maior festival deste xénero en Europa, promete unha edición histórica cun cartel cheo de estrelas, un espazo transformado e unha aposta clara pola participación da veciñanza.
O festival trae figuras recoñecidas a nivel mundial como Chencho Corleone, El Alfa, Bryant Myers, Blessd, Justin Quiles, Sech, Darell ou Hades66, así como novas promesas como Clarent, Raul Clyde ou Luar La L, que buscarán conquistar ao público galego.
Desde os accesos ata as zonas de descanso, o Porto do Molle será un espazo pensado para garantir dous días de música, baile, auga e diversión sen interrupcións.
Un dos grandes atractivos será o novo escenario principal, que se presenta sen cubrir, cunhas dimensións colosais, máis pantallas, efectos visuais e un espectáculo de canóns de auga que promete deixar sen alento ao público en cada tema.
Ademais da música, o festival converterase nun auténtico parque de entretemento a ceo aberto, con atraccións acuáticas, tobogáns XXL, piscina con vólei, tarimas de actividades, karaoke, cámaras 360 e moitas outras sorpresas deseñadas para ofrecer unha experiencia envolvente e participativa.
A Zona VIP, pola súa banda, tamén dará un salto de calidade. Situada a ambos lados do escenario, contará con plataformas con sombra, áreas exclusivas fronte ao escenario, acceso rápido, «food trucks» de nivel premium, baños privados, zonas «chillout» e incluso servizo de maquillaxe artística. Para quen busca unha experiencia superior, as Mesas VIP incluirán reacceso ao recinto, atención personalizada, «merchandising» oficial e un tour polo backstage.
Descontos
Un dos aspectos máis destacados da edición de 2025 é o desconto do 50 % nas entradas para persoas empadroadas en Nigrán, unha medida que reforza o compromiso do festival coa súa contorna máis próxima.
Segundo o alcalde Juan González, esta decisión «beneficia aos petos de miles de familias nigranesas que queren gozar do festival e, ao mesmo tempo, dá oportunidade de que neses días traballen veciñas e veciños interesados». A iniciativa responde á vontade de facer do RBF un evento accesible e beneficioso para toda a comunidade.
Nigrán consolidouse nos últimos anos como un destino clave para o turismo musical, cun impacto directo e indirecto cada vez maior. Na edición de 2024, o RBF congregou máis de 28.000 asistentes por día, dos cales 14.189 chegaron desde diferentes rexións de España e Europa. Isto supuxo un incremento do impacto turístico entre o 20 % e o 25 %, cun total de 8.368 noites de hospedaxe rexistradas durante os dous días de festival.
Porto do Molle
Con esta nova edición, o RBF Nigrán 2025 pretende non só ofrecer o mellor cartel da súa historia, senón tamén reforzar o vínculo que xa mantén coa súa audiencia. A aposta por un recinto máis cómodo, unha produción audiovisual de primeiro nivel e actividades paralelas para todos os públicos, coloca este evento como unha cita imprescindible do verán galego e estatal.
Enlace de origen : O Reggaeton Beach Festival leva a Nigrán o show máis urbano