Un «estourazo» de aprendizaxe

Salceda de Caselas viviu a pasada semana un dos Estourazos máis emotivos e multitudinarios dos últimos anos, dando así comezo ás tradicionais festas do Cristo das Angurias.

Un «estourazo» de aprendizaxe

Un «estourazo» de aprendizaxe

O acto estivo marcado por unha dobre celebración: por unha banda, a participación histórica da Agrupación Gaiteira de Salceda, e pola outra, a homenaxe por parte do Concello á primeira etapa do ensino infantil na vila, representada polas escolas Xoaniña e A Galiña Azul.

Fiel á súa tradición, a Agrupación Gaiteira de Salceda saíu á rúa para encher Salceda de música tradicional. Este ano, a convocatoria superou todas as expectativas, reunindo a 92 persoas amantes da gaita e da percusión, nunha xuntanza que leva 12 anos organizándose exclusivamente para esta data. Participaron persoas de diferentes niveis musicais, procedentes tanto de Salceda como doutros concellos, unidas pola paixón común pola música galega.

A agrupación, dirixida desde os seus inicios por Tere Pérez, converteuse ao longo dos anos nun espazo de encontro e convivencia, onde se mesturan formación, diversión e amor pola tradición.

A comitiva percorreu diferentes puntos do municipio e finalizou na Praza do Concello, onde tivo lugar un dos momentos máis especiais da noite: a interpretación do Valse de Arrecife, composto polo gaiteiro Milo González, xa falecido e membro da agrupación. Esta peza, cargada de simbolismo, dedícase cada ano ás persoas que formaron parte da Agrupación Gaiteira e que xa non están.

Xusto despois da actuación, produciuse o esperado Estourazo, o disparo simbólico que marca o comezo oficial das festas. Este ano, o Concello de Salceda decidiu dedicarlle esta honra á primeira etapa do ensino infantil, escollendo dúas entidades de referencia no municipio para subiren ao balcón da Casa da Cultura Castelao: a Escola Infantil Xoaniña e a Escola Infantil A Galiña Azul.

A decisión do goberno local, encabezado pola alcaldesa Loli Castiñeira, buscou visibilizar a importancia desta etapa educativa para o desenvolvemento da cativada, así como recoñecer a traxectoria e contribución destas dúas escolas ao tecido social e educativo de Salceda.

A Escola Infantil Xoaniña, pioneira no municipio, cumpriu 25 anos de historia e representa, segundo o propio Concello, un exemplo de emprendemento feminino no rural. O seu modelo baséase na proximidade, no coidado da contorna natural e na introdución temperá da cativada en actividades como a horta ou o coidado de animais.

Pola súa banda, A Galiña Azul, con 17 anos de andaina no municipio, é a única escola infantil pública de Salceda.

O seu proxecto educativo aposta pola lingua galega e polos valores propios do país, tendo acollido a centos de nenos e nenas ao longo destes anos. A elección destas dúas entidades foi descrita pola alcaldesa como «un recoñecemento á súa importante labor cos nosos nenos e nenas», salientando que ambas representan un verdadeiro privilexio para a primeira infancia da vila.

Ambas escolas levan convivindo anos nun dos concellos con maior índice de natalidade de Galicia, e forman parte fundamental do día a día de moitas familias. Co seu traballo, contribúen a fortalecer a comunidade e a garantir un inicio educativo baseado na calidade, na identidade e no respecto polo medio.

Enlace de origen : Un «estourazo» de aprendizaxe

OBTENGA UNA MUESTRA GRATUITA

La contactaremos lo más rápido posible.