Conde dos Brillares

Era este o alias co que un grupo de compañeiros de bacharelato coñecían a Marcial Rodríguez Cebral (Santiago, 1900-Madrid,1970). Formaba, con Manoel Antonio, alias Cazolas e Xoaquín González Mato, alias Matiño, un triunvirato comprometido coa defensa do galego ao abeiro ideolóxico das Irmandades da Fala arredor dos anos 1916-1919. Era tanto o seu entusiasmo xuvenil que chegaron a asinar con sangue un pacto redactado por Marcial e que este confirma unha e outra vez epistolarmente: ¡Abaixo a vergoña! Na calle, no craustro, na casa, sempre falarei o gallego sin medo o ridículo.

Todos coñecemos a traxectoria consecuente de Manoel Antonio a respecto do galego ata a súa morte e non descoidamos datos sobre os outros dous triunviros. Non tivemos noticia durante moitos anos da traxectoria de Marcial Rodríguez Cebral, estudante brillante que mostrou desde moi novo a súa vocación literaria e que tivemos noticia da súa andaina vital a través da axuda que, como cónsul que era na capital arxentina, prestou a Rafael Dieste, camarada de fatigas literarias na revista xuvenil Cuentos Nuevos (Santiago,1922), cando este decidiu poñer fin ao seu exilio en 1961. Esta circunstancia e a súa vinculación constante co Centro Galego de Madrid sustentaron a posibilidade de situar ao diplomático amigo dos rianxeiros nunha órbita de dignidade tan radicalmente manifestada na Compostela do seu bacharelato. Pero despois duns brillantísimos —lembremos que era «conde dos Brillares»— estudos de Dereito, ingresa en 1930 no carreira diplomática cun primeiro destino como cónsul de España en Porto (Portugal); aquí, nada máis comezar o golpe de Estado en España, Marcial R. Cebral estivo a disposición dun comité rebelde que acabou apoderándose da Embaixada de España en Lisboa, denominada «embaixada negra» pola prensa francesa e inglesa a partir do 23 de outubro de 1936, data na que din representar o goberno golpista.

En Porto o «axente faccioso» Marcial R. Cebral , tal como relata o historiador da Universidade de Vigo Alberto Pena Rodríguez na súa obra Salazar y el fascismo español (https://ucdigitalis.uc.pt › pombalina › download) coordinou o suministro de imaxes sobre os «horrores perpetrados polos comunistas españois» contando coa colaboración do Jornal de Notícias e do Comércio do Porto. O capitán Jorge Botelho Moniz desde Rádio Club Portugués, subvencionada e protexida desde a «embaixada negra», chegou a emitir 36 horas ininterrompidas de insultos contra o Goberno da República contratando locutores españois para que insultasen en español e dotar de maior credibilidade o insulto. Non faltaron as voces de Nicolás Franco, embaixador en Lisboa, nin a de José Mª Pemán para perpetrar constantes descualificacións basadas en noticias «construídas» coa axuda do «noso» cónsul.

Adquirida carta de diplomático «patriota» en Portugal, Marcial Rodríguez Cebral desempeñará misións similares en Casablanca (1947) onde denuncia e acusa ás autoridades francesas de facilitar a entrada de republicanos españoles a través das organizacións comunistas (Mourad Zarrouk, Los truchimanes del protectorado. Españoles entre dos culturas) ademais de facilitar a «repatriación» de 114 exiliados arrepentidos. Inmediatamente despois do triunfo da Revolución en Cuba (1959), onde tamén será cónsul, atopámolo en Ciudad Trujillo protexendo desde a sede diplomática a denominada Legión Anticomunista del Caribe, tamén coñecida como Legión Extranjera Dominicana, organización paramilitar creada en 1959 na República Dominicana por orde do ditador Rafael Leónidas Trujillo, co fin de invadir Cuba e derrocar o goberno de Fidel Castro; unha especie de división azul, onde había numerosos compatriotas aos que se refería Marcial Rodríguez Cebral como «emigrantes voluntarios». Nin na súa etapa como cónsul en Milán (1951) deixou de velar pola imaxe dunha España, carente de proxectos de futuro pero ateigada de valores humanos e espirituais cando participa na Trienal de Milán con animo evidente de utilizar a Exposición como artefacto narrativo para mostrar unha patria renovada polo franquismo. Era Marcial «brillante» nos estudos e usaba brillantina cando nos tempos mozos tiña pelo. Era, en definitiva o «Conde dos Brillares» un «cruzado de la causa».

Suscríbete para seguir leyendo

Enlace de origen : Conde dos Brillares

OBTENGA UNA MUESTRA GRATUITA

La contactaremos lo más rápido posible.